Monday 29 de April de 2024

O Concello da Pobra convoca un proceso selectivo para formar unha bolsa de emprego para monitor/a de tempo libre


Unha vez aprobadas as bases reguladoras que rexerán o proceso selectivo para a formación dunha bolsa de emprego para monitor/a de tempo libre, o Concello da Pobra do Caramiñal procede a convoca-las probas selectivas mediante un concurso-oposición para a cobertura en réxime laboral temporal dos postos indicados.

Resulta preciso reunir unha serie de requisitos e as persoas interesadas deberán solicita-la súa participación mediante a presentación da instancia que se recolle no anexo II das mencionadas bases, dirixida ó alcalde.

As solicitudes presentaranse a través da sede electrónica municipal ou no rexistro xeral de entrada do Concello da Pobra do Caramiñal, en horario de 08.00 a 14.00 horas, no prazo de 10 días hábiles que se contarán a partir do seguinte ó da publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia da Coruña (BOP), neste xoves 10. Se optaren por entregala nunha oficina de Correos, farano nun sobre aberto para que a instancia sexa datada e selada pola funcionaria/o de Correos antes de ser certificada. Neste caso e cando se presente a instancia noutro rexistro público diferente ó da Administración local pobrense, as persoas solicitantes, antes de remata-lo prazo de presentación de solicitudes, deberán remitir unha copia escaneada da instancia debidamente selada ou rexistrada ó enderezo electrónico rexistro@apobra.gal. Xunto coa solicitude débense achega-las copias simples dos documentos indicados nas bases. Toda a información detallada está á disposición no taboleiro de anuncios do Concello e na referida sede electrónica.